07/05/10
Un boletín anticaciquil para as terras de Ordes
“O Tio Marcos d´a Portela” volve. É un boletín anticaciquil das terras de Ordes que difundiremos pola rede como lategazos contra os lambóns que nos gobernan. Non está detrás de nós ningún partido nen intereses privados: diremos a verdade dóalle a quen lle doa. Lévanna clara os pobres politiqueiros que busquen aquí louvanzas ás súas cacicadas de “demócratas”! Imos contra os alcaldes ruíns, pois “É a cousa máis condanada que se pode dicir nin pensar: un señor infinitamente malo, burro, larpeiro, inxusto, principio de tódalas nosas desgracias e fin de tódalas nosas facendas”, dicían no tiomarquista “Catecismo do Labrego”, máis tamén contra oposicións que só opositen a lambóns.
Usamos o anonimato non por gusto, senón por necesidade. Nestas terras tan pre-democráticas, sabemos que dar a cara sae caro. Por iso nos ocultamos como un subcomandante Marcos da Portela, para no acomodo da noite saltar á corredoira para tapar o paso dos caciques. Somos tiomarquistas, somos subcomandantes e anónimos porque como o revolucionário de Chiapas estamos á orde do pobo (que é quen mais ordena) e sen ánimo de protagonismos (nen votos). Ás vosas ordes estamos! Esta folla parroquial quere ser do pobo, quere ser o muro das vergoñas dos que nos gobernan. Fai uso del, pinta as suas paredes de denuncias!
Facemos noso o hino da Acción Gallega, escrita por Cabanillas, o poeta da raza, alá polo 1917, ano de lume e Revolución.
¡Irmáns! ¡irmáns gallegos!
¡Dende Ortegal ó Miño
a folla do fouciño
fagamos rebrilar!
¡Que vexa a Vila podre,
coveira da canalla,
a Aldea que traballa
disposta pra loitar!
Antes que ser escravos,
¡irmáns, irmáns gallegos!
que corra a sangre a regos
dende a montaña ó mar.
¡Ergámonos sin medo!
¡Que o lume da toxeira
envolva na fogueira
o pazo siñorial!
¡Xa o fato de caciques,
ladróns i herexes fuxe
ó redentor empuxe da ialma rexional!
Antes que ser escravos,
¡irmáns, irmáns gallegos!
que corra a sangre a regos dende a montaña ó val.
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
Sem comentários:
Enviar um comentário