20/08/10

Festas patronais de Ordes: raza, curas e tricornios, como no 36



(Foto: Ordessiete)
As festas de Ordes do ano pasado remataron co apoteósico “...y que viiiiva Espaaaña!” de Manolo Escobar, no que parecía un nostálxico revival do franquismo alfredolandiense, co palco da orquestra cheo de fume “rojigualdo”. O nivel estaba alto, pero este ano non foron menos.
Quentamos motores antes do 15 de agosto ca Gala “contra o cancro” da Panorama, con Ordes tomado policialmente, a Pantoja afuciñando, e Regos cheo como unha abrótegha laiándose nos micros da Radio Galega (se é que habería que facer un monográfico da relación dos políticos ordenses coas drogas blandas e duras...). Iso si, unha semana antes o concello iniciara un ciclo de actividades nocturnas para que a rapazada aprendese a divertirse sen darlle ao alcol. Bos exemplos teñen na corporación municipal...

Con isto xa estaba a cousa máis que lanzada, pero a sentenza da Audiencia Provincial da Coruña condenando a Regos a pagarlle –cos nosos cartos– ás orquestras que rexeitara no seu día, recordounos que o surrealismo non ten límites nestas terras. No último pleno, ademais, soubemos dun dato interesante: o Ghaliñeiro gasta máis diñeiro nas festas que nos servizos sociais.

Reconversión dos festexos: “todos po Campo da Feira!”

A ninguén se lle escapa un dato curioso: o desprazamento das atraccións das festas cara o Campo da Feira. Se tradicionalmente as festas tiñan o seu epicentro na Alameda e arredores, desta vez todas as atraccións (coches de choque, caballitos, saltamontes, colchonetas, etc...) foron para ao Campo da Feira. A noria estivo sempre onde a estatua do noso cura-xornalista o señor Carnota, pero este ano alí só se encontraba unha privilexiada terraza do Bar Doniña, tomando aposento dun espazo público e vestindo de “rojo” a escultura de Asorey. Non falta quen apunta unha razón ben clariña ao traslado da festa para o Campo da Feira: alí está o Bar Regos, e a onde vai a xente vai o carto.

Menos mal que isto é un estado aconfesional...

Aínda que vivimos segundo a Constitución nun estado aconfesional, e en Ordes hai ademais da comunidade católica unha importante comunidade musulmana e outra –por que non?– atea, o Ghaliñeiro está a tope cas vellas costumes do franquismo: peinetas, tricornios, e a pasear a Virgen María por Ordes adiante. A vella unión de poderes do Antigo Réxime: pistolas, creghos e alcalde. Non faltou o noso especialista en rituais tribais católicos, o señor Landeira –un tipo “con máis estudios do normal”, como dirían os Tonechos, aínda que confunde “Campo Maior” con “Monte Maior”, e “Agolada” con “A Golada”–, para escribir un longo e delirante artigo sobre os fallos de protocolo que tivo esta procesión.

Espectáculo racista e españoladas

Aínda faltaba por chegar o espectáculo da orquestra Olympus, humillando un cantante negro con todo tipo de expresión racistas e dando un bochornoso espectáculo que quedou totalmente impune. Non nos estraña demasiado vindo desta orquestra, que tamén é coñecida por unha canción homófoba que cantan nas súas actuacións. O que dá máis pena é que unha animalada deste tipo non reciba ningún tipo de resposta, e aínda por riba se lle pague con cartos públicos.

Tería graza, se non fose porque era certo, ver que detrás da banda de música de Ordes varias persoas disfrazadas de sevillanas –os traxes disque eran do Museo Juanjo Liñares– sen vir moito a conto de nada. É unha pena seguir a facer a feira dos mércores, podendo facer a Feria de Abril...

Onde están os touros?

Pois foi o único que faltou nestas festas! Os touros! Había mulleres con peineta, procesión da Virgen, españoladas a eito, pois os toureiros eran o que nos faltaba para que o de Ferrol nos mandase a súa bendición desde a tumba. Hai quen di que Regos é un tipo con principios, que está a loitar por recuperar a memoria histórica, e por iso fixo unhas festas a imaxe e semellanza das do ano 35, cando Concheiro, en plena República, fixo unhas festas fachas, para escándalo dos periódicos de media España.

2 comentários:

  1. O da olympus xa o teño visto fai anos... xa non teño estomago para aturar esas orquestas a non ser que esté moi borracho... non cambiaron o show polo que vexo.

    ResponderEliminar
  2. Chamarlle "negro" ao cantante da orquestra tamén é unha falta de educación erespecto. ¿Preguntóuselle a el a súa versión do show no que participa?
    Outra cousa, eu pódome disfrazar de cura e seguro que me rides a gracia, sen embargo que outras se vistan con vestimentas doutras rexións é pouco menos que unha afronta.
    Xa había procesións cando Franco aínda non estaba encargado... fáltalle un pouco máis de rigor nas noticias.
    En Pontevedra, con alcalde nacionalista e en A Coruña, no bigoberno, como houbo touros, ¿temos que entender que tamén son algo "fachillas"?
    Non teño gañas de escribir aquí algunhas letras de grupos que non deixan moi ben parados a moitos colectivos ou a España, pero como están en galego, vasco ou catalán, parece que a afronta é menor. Demo de país.

    ResponderEliminar